Wednesday 24 de April de 2024

O PSOE de Arteixo propón un plan de renovación dos colectores do lixo para facelos máis accesibles


Co equipamento actual, moitas persoas con mobilidade reducida teñen serias dificultades para premer o pedal ou acceder ao tirador para levantar a tapa de xeito manual.

Os colectores de residuos sólidos urbanos (RSU) de Arteixo non están adaptados ás necesidades de toda a veciñanza. Para algunhas persoas, accións tan sinxelas como depositar a bolsa do lixo no seu lugar correspondente supoñen un auténtico reto e o Grupo Municipal Socialista instou ao goberno a deseñar un plan para facer máis accesible este equipamento. A renovación dos colectores, de acordo coa proposta que se trasladou ao pleno, debería facerse de forma progresiva, comezando por aqueles que estean rotos ou deteriorados.

A concelleira socialista Susana Lebón lembra que, de acordo coas indicacións do Valedor do Pobo, “o contorno debe dispor das condicións precisas para que todo produto ou servizo poida utilizarse en condicións de igualdade por todas as persoas, entre elas as que teñan algunha discapacidade”. As dificultades para abrir a tapa dos colectores do lixo, mediante un pedal ou de forma manual, son evidentes no caso das persoas usuarias de cadeiras de rodas, pero o problema afecta tamén a outros
colectivos, como a xente de idade avanzada ou a que ten a súa mobilidade reducida, por distintos motivos, de forma temporal ou permanente.

“Estamos a falar dun feito cotián que afecta a máis persoas das que poidamos pensar”, indica Lebón, “e os espazos públicos, con demasiada frecuencia, non están adaptados aos principios básicos da accesibilidade universal”. A lexislación actual insiste na necesidade de proxectar edificacións, lugares de ocio e servizos atendendo ás necesidades de toda a poboación e a Administración Municipal, “que é a máis próxima a cidadanía”, tal como indica á concelleira, “debe dar exemplo á hora de aplicar e esixir que se apliquen estes principios”.